Home » A Mostra » Presentación

Presentación

(S8) Mostra de Cinema Periférico…

…é un evento cinematográfico internacional que busca definir e facer visible a periferia do cine, é dicir, as manifestacións do audiovisual que se atopan nas marxes. Os da industria, os da linguaxe, os das ferramentas, e ata os do propio fotograma. Unha periferia que é o caldo de cultivo da vangarda.
Esta exploración a través das periferias do cinema, achéganos a un “Cinema Novo” que se desenvolve no seo das novas tecnoloxías, sen esquecer as tradicionais, onde se celebra o amateur, pop e familiar e o cinema con maiúsculas.

////////Super 8


O nome da Mostra é unha alusión directa ao Super 8 e a todo o que este formato cinematográfico significa. O Super 8 é un punto de partida e unha referencia para o (S8), pois foi (e é) unha ferramenta esencial de creación, que serviu a cineastas e artistas de vangarda para sacar adiante as súas primeiras obras, ou as máis arriscadas. É tamén materia prima, polas súas particularidades, de vertentes especialmente ricas do cine experimental, actual e do pasado, e xa que logo un símbolo de todo o que o (S8) representa.


////////Cine Novo


Aínda que co espírito dun formato analóxico, o (S8) achéganos, a través da súa viaxe pola periferia, a un cine novo que se desenvolve entre as novas tecnoloxías, pero sen esquecer as tradicionais. Conceptos como cine performativo, cine expandido, cine-ensaio ou cine experimental abordan, desde esta periferia, un cine que aposta pola conciliación entre as novas e as vellas imaxes. Un claro expoñente de todo isto é a metraxe atopada (coñecido como found footage) na súa utilización de vellas imaxes para realizar novas películas, e así darlles unha segunda vida.


////////Carácter internacional

Partindo do local e sempre en conexión e intercambio constante co internacional, (S8) Mostra de Cinema Periférico intégrase no fluxo mundial que integran as imaxes, linguaxe común e universal deste século. O (S8) pretende, neste panorama, ser un punto de encontro entre artistas e cineastas nacionais e internacionais ao redor da periferia do cine. A mostra busca así fomentar as novas formas de expresión audiovisual, seguindo de cerca e formando parte da súa permanente evolución.