Instalacións e exposicións
//////// Left Hand Rotation

O colectivo artístico (sempre á contra) Left Hand Rotation estará presente no (S8) con dúas instalacións interactivas nas que subversión e humor danse a man.
Trucador. Disociación e desconcerto na Dobraxe.Trátase dunha acción participativa, xogo/acción cuxa finalidade é espertar a atención e o sentido crítico sobre as ferramentas e procesos da imaxe e a voz nos medios audiovisuais.
Atención: Spoiler (especialmente creada para o (S8)). Vídeo instalación, que pon de manifesto o cambio de paradigma cara a un novo cine que xa non se aten a narrativas convencionais. Propoñendo unha simplificación do cine comercial e convencional, xa simple por si mesmo, levando ao extremo a forma de visualizalo e así experimentar con el.
![]()
//////// Vari Caramés

Pegadas…
Nas primeiras visitas que realizou o equipo do (S8) ao cárcere para a preparación da 1ª Edición, atopouse cunha paisaxe detida, cheo de pegadas que interpretar.
Para escribir a historia deste espazo ausente, o fotógrafo Vari Caramés recolleu coas súas cámaras analóxicas o tempo detido.
Un ano despois esa paisaxe ve a luz a través dunha vídeo-instalación realizada en exclusiva para o (S8) e que terá a súa extensión nun vídeo-libro editado pola mostra.
![]()
//////// María Ruido

A Memoria Interior
2002. 33 min. Video.
Unha vídeo instalación que aborda o tema da construción da memoria e dos mecanismos de produción da historia. A través do relato da historia da súa familia, María Ruido indaga no recordo da recente emigración desde o estado español a Europa, e reflexiona sobre os mecanismos do esquecemento e o recordo.
![]()
//////// Espacio La Casa Encendida

En.Piezas 2011. Selección de propostas do Concurso de curtas de Obra Social Caja Madrid, cuxo principal obxectivo é valorar e apoiar o traballo dos novos realizadores emerxentes. Este certame ofrece unha interesante mostra da obra de novos cineastas, todos menores de 36 anos, que permite testar o estado e a saúde do formato curto nacional.
Festival Play. Escaparate para as propostas máis innovadoras de concertos audiovisuais e cine en directo. Play é un festival que une o cine coas artes escénicas.
//////// Espacio Museo de Arte Contemporáneo Gas Natural Fenosa

- Delay Glass de Txuspo Poyo. Vídeo animación 3D.8’30″. 2007
- Ego, de Antoni Abad. Proxección multimedia.
1999
![]()
//////// Festa dos brutos e totais

“O arte é comunicación e comunicarse na era comunicativa é todo un arte”.
Un espazo que será tomado polos exercicios de videocreación e novas propostas dos alumnos do segundo ciclo da licenciatura en Comunicación Audiovisual da Universidade de Vigo.
A idea do traballo é que se converta nunha especie de «work in progress», onde non se valora unicamente o resultado final senón que o proceso é clave no desenvolvemento do mesmo, pois o concepto ou idea coa que se traballa é cuestionada ao longo de todo o proxecto co obxectivo de transformala e manipulala.
Coordinado por Beli Martínez, profesora de Comunicación Audiovisiual da Universidade de Vigo.
![]()
//////// Amador Lorenzo

Trazos na parede
Esta instalación pretende facer un retrato sonoro e visual do illamento, da relación entre ser humano e o espazo. O cárcere como unha illa, como unha célula enferma, metáfora do paso silencioso do tempo, reflexo da memoria física e emocional das vidas estacionais que alí habitaron. Como un choro silencioso.
As imaxes tratan de evocar as sensacións que impregnan o ambiente dos que alí pagaron as súas condenas. Retratar os presos sen os presos. O baleiro das imaxes mostra as súas vidas pasadas entre os muros do cárcere.
A instalación consta dunha parte visual e outra sonora. Quince fotografías tomadas no ano 2010 no Antigo Cárcere Provincial da Coruña colgadas nun cuarto pechado -totalmente escuro, como unha zona cero.







