Jonas Mekas: “Eloxio de Marie Menken, poeta do cinema”

Xuñ 3, 2019 | Artigos

Deseguido, e con motivo desta homenaxe que rendemos a Mekas a través dos seus cienastas predilectos, aos que impulsou mediante os seus escritos e programas, reproducimos un fragmento dos seus Diarios do cinema adicado á fundamental Marie Menken.

4 de xaneiro de 1962
Comezarei o ano eloxiando a poeta.
A mostra retrospectiva de Marie Menken no Charles Theatre a semana pasada foi un acontecemento importante para todos aqueles que teñen interese no cinema. Non vin ningún dos críticos dos diarios e os semanarios na exhibición; non os vexo nunca en ningunha exhibición importante de traballos poéticos ou experimentais. Archer Winsten, o único crítico que asistiu, deixou a sala despois do segundo filme O pracer foi deixado íntegramente o público. O público está máis preparado que os nosos críticos para aprender e explorar o descoñecido.
A obra de Marie Menken, tal e como foi presentada no Charles, era consistentemente poética e consistentemente boa. Catro dos seus filmes: Arabesque for Kenneth Anger (1961), Bagatelle for Willard Maas (1961), Notebook (1963) e Glimpse of the Garden (1957) deben ser incluídos entre os mellores que é posíbel atopar hoxe no eido da poesía fílmica.
A poesía fílmica pasou por varios períodos históricos. Temos a avant-garde francesa: Cocteau, o período simbólico-surrealista; o período experimental estadounidense dos anos 40: Maya Deren, Harrington, Anger, Maas; mitoloxía, simbolismo freudiano; Backhage e Menken representan a espiña dorsal do terceiro período, unha poesía na que a sintaxe fílmica acada unha espontánea fluidez, e en que as imaxes son verdadeiramente coma palabras que aparecen, desaparecen, e vólvense repetir mentres crean conxuntos e manchas de significados visuais, impresións.
A obra de Marie Menken é o contrario da prosa no cinema (drama, episodio, relato). Hai obras de ficción que conteñen poesía, pero non hai boa poesía, especialmente boa poesía lírica, que conteña prosa; e Marie Menken é unha poeta lírica. A estrutura das frases fílmicas de Menken, os seus movementos e ritmos son os da poesía. Traslada a realidade á poesía. É a través da poesía que Menken revela os sutís aspectos da realidade, os misterios do mundo e os misterios da súa propia alma.
Menken canta. O seu obxectivo está enfocado no mundo físico, pero ela veo a través dun temperamento poético e cunha sensibilidade intensificada. Captura os anacos e os fragmentos do mundo que a rodea e organízaos en unidades estéticas que se comunican connosco. A súa linguaxe fílmica e as súas imaxes son agudas, nítidas, marabillosas.
En Arabesque for Kenneth Anger e en Notebook hai secuencias que están entre as frases máis inspiradas da poesía fílmica.
Traspasa Menken a realidade? Ou condénaa? Ou, simplemente, vai directamente á esencia da realidade? Acaso non é a poesía máis realista que calquera realismo? O realista non ve máis que a fachada dun edificio, o seu contorno, a rúa, unha árbore. Neles, Menken ve o movemento do tempo e o do ollo. Nunha árbore, Menken ve os movomentos do corazón. Ve a través deles e máis aló deles. É capaz de reter unha memoria visual de todo o que ve. Recrea momentos de observación, de meditación, de reflexión, de marabillas. Unha choiva que ve, unha tenra choiva, convértese na memoria de todos os xardíns, toda a cor, todo o perfume, todo o pleno verán e o sol.
Que é a poesía? Unha exaltada experiencia? Unha emoción que danza? Unha lanza no corazón do home? Somos convidados a unha comuñón, sometemos a nosa vontade, disolvémonos no fluxo das súas imaxes, experimentamos a entrada no santuario da alma de Menken. Sentamos en silencio e participamos dos seus pensamentos secretos, das súas admiracións e as súas éxtases, e iso fainos máis fermosos. Pon un sorriso no noso corazón. Sálvanos da nosa propia fealdade. Iso é o que fai a poesía, e iso é o que fai Menken.

Hai poetas que só están comezando a cantar. Vemos as súas frases torpes, as súas imaxes vagas ou confusas, os seus movementos inseguros. Tenteando, buscando, móvense a través da pantalla. A obra de Marie Menken é máis madura e está coidadosamente rematada. Na súa linguaxe hai moi poucas liñas inseguras ou sen rematar. Os dez filmes que se están a exhibir no Charles representan o traballo da súa vida, e este traballo, eses sesenta minutos, sitúana dentro do mellor do noso cinema poético contemporáneo.
«A verdadeira poesía pode ás veces ser aceptada pola masa cando está disfrazada doutra cousa. Pero, en xeral, a nosa é unha civilización na que a palabra poesía evoca un aceno hostil, ou, no mellor dos casos, esa glacial aversión que a maioría da xente sente cando escoita a palabra “Deus”» (George Orwell).

PUBLICACIÓNS RECENTES