Luther Price

EN CARNE VIVA

Carne torturada, celuloide torturado. No que parecería un proceso continuo de purga e sanación, as películas de Luther Price beben da propia (e tráxica) historia persoal e familiar do autor. Proceso que se foi depurando cos anos, e que dá de si películas lonxe da compracencia, exercicios de honestidade brutal case fisicamente perturbadores, crus, descarnados e belos, que provocan en quen os ve un cúmulo de emocións confuso. A morte, a familia, operacións cirúrxicas, o sexo e a violencia son algúns dos ingredientes cos que manufactura as súas películas, en cuxa superficie queda visible o rastro físico do seu traballo, tanto na propia calidade material do filme, como nos seus característicos patróns de montaxe. Luther Price (este nome é un pseudónimo: o máis duradeiro do autor tras pasar por varios nomes e personalidades artísticas como Tom Rhoads ou Brick) é natural de Massachussets, onde vive e traballa. Empezou sendo escultor para desembocar no cinema, empezando a facer performances e películas en super 8 nos 80, nas que encaraba directamente a autobiografía. Cara aos 90 empeza a traballar en 16mm, xa exclusivamente con found footage, abordando os mesmos temas pero xa sen referencias directas á súa propia vida. Estes dous programas son unha mostra que vai desde esas primeiras películas en super 8 ás máis recentes, incluíndo tamén películas de varias das súas series: Inkblots (películas cuxa emulsión foi abrasada dalgunha maneira, e que logo son repintadas), Ribbons (películas de 16mm nas que pega tiras de super 8), Garden Films (películas que foron enterradas e sometidas aos elementos e o seu desgaste) e Biscuits (serie de películas feitas a partir dunha fonte única, baseadas na repetición).

Agradecementos: Luther Price, Ed Halter


Programa 1

Red Rooster
1987, super 8, 4 min.

“Divertinme moito facendo esta película curta de super 8… Foi o comezo da miña transición da escultura ao cinema e o meu amor polo found footage. Ao final, a vida non foi un fastío… Non máis bágoas, non máis tristeza, confiemos no mañá…” (Luther Price)

Sodom
1989, super 8, 15 min.

“A miña primeira película como Luther Price. Acababa de facer a miña transición de Tom Rhoads e Tom Rhoads nunca faría esta película… Gustáballe o xeado, a mamá + os soños. Pero Luther Price estaba listo para escavar… e ser obsceno… Pouco sabía entón que un novo eu estaba a xurdir… A mediados dos anos 80 era difícil desvincularse… Moito dedo acusador e odio… Así que souben que era hora de facer algo respecto diso”. (L.P.)

Meat Dry 02
1999, super 8, 10 min.

“Con esta, sacada da Meat orixinal, 1990-1992, 60 min super 8 muda -prentendía ter só ruído de fondo- o problema é que a cinta tiña tantas capas que non puiden obter unha copia de contacto. Moi deprimente -un Frankenstein… pero estando sentado no Bradford Café na Praza Central de Cambridge, Massachusetts, escribindo no meu diario e mirando a televisión, todo cobrou sentido e souben que esta sería a única película que podería funcionar como vídeo e exhibila nun televisor… Unha película autobiográfica que fala do desasosego de estar nun hospital dous meses despois de ser tiroteado en Nicaragua en 1985. Funcionaría nese formato… Os hospitais teñen monitores no quirófano.” (L.P.)

Ribbon Candy
2006, 16mm, 5 min.

“Unha película Ribbon. Expondo un aspecto intermitente e diferente de cinema e como podería integrar varios anchos de película … mentres se celebra a liña de encadre e a imaxe dividida. Esta película rende homenaxe a Un Chant d’amour de Jean Genet.” (L.P.)

Door # 2-37
1997, super 8, 15 min.

“Fixen esta película mentres a miña irmá Sally estaba a pasar por un cancro 1996-1997. Ela morreu en 1998. Para entón, xa fixera I’ll Cry Tomorrow Part One (1998). Unha pequena historia de vacacións de… (L.P.)

Gift Givers
2013, super 8, 8 min.

“Vexo o corpo humano espido, tan sanguento e sexual. Maduro e carmesí e vivo… Oh que larva parasitaria…” (L.P.)

Duración total: 57 min. Sala (S8) PALEXCO – 1/06. 16.30h.


Programa 2

Domestic Blue
2005, 16mm, 7 min.

“Slug filler en 16mm. Tráileres de película de 35mm pasados a 16mm. O rexistro de encadre apágase e a imaxe impresa cae na pista de son óptico… desta maneira, a imaxe convértese en banda sonora. Neste caso, reunín imaxes e material azul crepúsculo… con nenos deitados comodamente na cama pola noite xunto a un descoñecido… (L.P.)

Fancy
2006, 16mm, 10 min.

“Unha montaxe atroz de imaxes médicas mostrando os corpos que son suxeitados, sondados, cortados e cosidos. Price ve a Fancy como unha película sobre a curación e a reparación; corpos vellos que son reeditados e refeitos, como os tecidos da película.” (Ed Halter)

Nice Biscuit # 1
2005, 16mm, 8 min.

“Os amarelos marróns maxentas e verdes… como o pus! Unha costra xiratoria! Húmida e supurando. A pel e a súa propia vida. Engurras… ana de pel? Dóbrase, dóbrase. As moscas virán e as larvas atoparante tamén…” (L.P.)

Inside Velvet K
2006, 16mm, 8 min.

“Unha postal apocalíptica. Inside Velvet K inspírase en películas como Soylent Green, cando as flores e os amorodos eran meros recordos. O ano 2037… cen anos despois de que a miña nai nacese… e a antiga fame negra rural persiste. Somos persoas medorentas. As noites non poñen a cuberto… os días cegan e poñen a mente e as cousas en orde. A salvación e a perda son só a elección do pasado agora. Camiñamos sós… e só os solitarios… solitarios… os plans de evacuación fanse… din dixeron que atoparan algo ao que aferrarse forte… A porta abrirase e deixarache entrar… permanece baixo o limiar. Quieto. Moi quieto. Permanece dereito e quieto. Arriba e respira…” (L.P.)

Aqua Woman / Inkblot # 44
2011,16mm, 5 min.

“Maternidade… Neste punto, estou completamente namorado da cor, do found footage e de entrar nunha narrativa experimental …o proceso convértese en todo… só tes que escoitalo.” (L.P.)

Silk
2006, 16mm, 10 min.

“Partes desta película son o resultado da miña propia impresión óptica… a vella escola… Sentinme como na casa sentado nese pequeno cuarto negro, facendo clic durante horas coa man e o pedal… e deime conta de que tamén podería manipular as lentes do proxector mentres volve fotografar. Esta cinta estivo máis dunha década gardada antes de que decidise repasala… É unha das miñas películas favoritas.” (L.P.)

Dusty Ricket
2007, 16mm, 8 min.

“Tomas falsas de películas de nenos africanos. Unha das moitas películas Garden… despois de empalmar as imaxes, enterreina no meu xardín durante 6 meses e logo desenterreina. Laveina no fregadeiro da miña cociña. Sequeina e enroleina. Os rostros dos nenos parecen emerxer das nubes de po.” (L.P.)

Duración total: 56 min. Sala (S8) PALEXCO – 2/06. 16h.

Be Sociable, Share!