Xuñ 5, 2011
A mañá do sábado tivo lugar unha presentación que agrupou a dous axentes culturais inquedos e atentos á periferia do audiovisual: Playtime Audiovisuales (coa presenza de Natalia e Enrique Piñuel), comisarios de ciclo de Super 8 Contemporáneo desta edición, e Beatriz Navas, responsable da área de audiovisuais de La Casa Encendida, presente no (S8) cunha mostra de dúas dos seus programas máis estimulantes: En.Piezas (certame de curtos de «mozos exploradores») e Play, mostra dedicada á beira performativo do cine.
Playtime Audiovisuais explicaron, na súa intervención, o contido do seu ciclo titulado «Imagenes rodadas, películas roubadas e son panayonqui». Ademais de testemuñar a saúde do cine de apropiación, Playtime recalcaron a autonomía do videoclip como obra en si mesmo, «non só como vehículo de promoción. Na nosa mostra, intentamos que o videoclip tivese máis protagonismo que a música, ao revés do habitual, resaltando o traballo do autor do mesmo». Apuntaron, ademais, que o ciclo constitúe unha excelente oportunidade de ver estas pezas en pantalla grande e nunha sala de cine, en lugar de como ven habitualmente (en youtube, por exemplo).
Beatriz Navas, pola súa banda, falou de como «o audiovisual que máis chega ao público é a ficción, pero o máis interesante deste campo ocorre en formatos como o cine experimental e o videoclip». Resaltou, ademais, o empeño de La Casa Encendida de facer esta clase de obras visibles, en mostras como a que se trouxo ao (S8). Un festival, o (S8), que segundo Navas «é un festival único en España, co que desexamos seguir colaborando». info